Saturday 04 de May de 2024

As Xornadas Micolóxicas transcorrerán durante esta semana


Dende mañá e ata o día 15 de novembro, desenvolverase na Pobra a cuarta edición das Xornadas Micolóxicas.
Esta convocatoria componse de coloquios, obradoiros, saída ao campo, exposición, concurso fotográfico e showcooking e degustación.
Concretamente, no día de mañá, mércores 11, terá lugar no Auditorio do Museo Valle-Inclán, ás 20.30 horas, a charla introdutoria e conexión telemática sobre proxectos de Coutos micolóxicos con relatores e relatoras de Galicia e Navarra.
No venres 13, ás 20.30 horas, o Elma albergará a conferencia Intoxicacións por cogomelos, a cal será impartida por José Manuel Castro Marcote, coautor da guía Cogomelos de Galicia e do Noroeste Peninsular.
Xa no sábado 14, desenvolveranse os obradoiros no local da confraría. O primeiro deles será na quenda da mañá, en horario de 10.00 a 14.00 horas, dirixido a cativos e cativas con idades entre os 10 e 12 anos. Trátase dunha actividade de iniciación ao debuxo da natureza titulada Bosquexo de campo: os cogomelos, da man de Calros Silvar, ilustrador de varias guías da natureza. O segundo transcorrerá na quenda da tarde, de 18.00 a 20.00 horas, destinado a persoas maiores de 12 anos. Trátase dun obradoiro de cultivo de cogomelos que, baixo o nome Cultivo de Pleurotus ostreatus, correrá a cargo de Ventos Estudos Ambientais. A cabida máxima para o primeiro estipúlase en 12 persoas asistentes, mentres que no segundo é de 15. En ámbolos casos, o material é de balde.
Finalmente, no domingo 15 haberá saída ao campo con José Manuel Castro Marcote, de 10.00 a 13.00 horas. O límite de prazas establécese nas 20 e o traslado será en vehículos propios. Deseguido, a partir das 13.00 horas, será o momento da exposición de cogomelos no mercado de abastos, así como a
resolución de dúbidas. Ademais, ás 13.30 horas, procederase á entrega de premios ás persoas gañadoras do IV Concurso Fotográfico de Micoloxía. E, como colofón, Kike Piñeiro e Eloy Cancela (A Horta do Obradoiro) ofrecerán, dende as 14.00 e ata as 14.30 horas, un showcooking e degustación de cogomelos. Estipúlase un máximo de 20 persoas participantes, con preferencia para aquelas xa anotadas na saída ao campo.
Seguiranse as medidas implantadas por mor da COVID-19, polo cal tódalas persoas interesadas deberán formaliza-la súa inscrición de balde a través do enderezo electrónico medioambiente@apobra.gal, agás para a xornada do domingo que xa non quedan prazas libres. No caso dos coloquios, tamén se require asistir con 10 minutos de antelación ao comezo da actividade.